UNIVERSIDADE PROMOTORA
DA SAÚDE

O

Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou, na súa sesión do 28 de novembro de 2014, a adhesión da entidade académica coruñesa á Rede Española de Universidades Saudables.

Este compromiso implica que a UDC tivo que facer un proxecto de traballo que promove a saúde na cultura universitaria, nas súas políticas institucionais, estrutura, procesos e planos de estudos, así como a identificación das necesidades da comunidade universitaria, áreas de traballo e estratexias de intervención.

Os centros universitarios, ademais de ser motor de investigación e formación dos profesionais do futuro, son contornas vivas onde interactúan factores ambientais, organizativos e persoais que afectan á saúde e ao benestar. Para considerarse saudable, unha universidade debe adquirir un compromiso global de cara á saúde e desenvolver o seu potencial como axente promotor da saúde, o benestar e a calidade de vida dos que nela estudan e traballan.

Unha universidade saudable debe protexer e favorecer a saúde, promovendo coñecementos e habilidades orientados a que os estudantes e traballadores adquiran estilos de vida saudables, proporcionando as infraestruturas e espazos necesarios e favorecendo a socialización e as actividades de lecer saudables.