A Universidade da Coruña foi creada pola Lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia. O Claustro Constituínte aprobou os Estatutos da Universidade o 4 de febreiro de 1992, publicados no Diario Oficial de Galicia do 17 de setembro de 1992.

 

A Universidade da Coruña está estruturada territorialmente en: Campus da Coruña e Campus de Ferrol. É unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia.

 

A UDC ten a visión dun servizo público de calidade orientado á procura de maiores niveis de benestar para o conxunto da sociedade por medio de avances sociais, científicos e tecnolóxicos nun marco de valores éticos xeralmente aceptados. Forma parte da súa misión a formación dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.

A Universidade da Coruña manifesta explicitamente o seu compromiso co estudo e desenvolvemento integral de Galicia, singularmente da súa identidade social, cultural e lingüística, e asemade promoverá a súa plena integración no espazo europeo de ensino superior e a súa proxección en América Latina.

 

Para proporcionar á Universidade un permanente apoio social, en 1997 creouse a Fundación Universidade da Coruña (FUAC), fundación privada de carácter benéfico docente.