Escola
Politécnica Superior

Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais

240 créditos

DESCRICIÓN

O Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais representa a continuidade da titulación de Enxeñaría Industrial presente en España desde hai máis de 150 anos. O seu campo de actividade está orientado cara ao proxecto, a construcción e a produción na industria e os seus transformados en xeral, así como a moitas actividades do sector servizos.

O estudo está verificado e publicado

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Unha carreira sen paro. En catro anos formamos profesionais altamente cualificados e preparados para accederen a un mercado laboral cunha altísima demanda pola multitude de campos de actuación, e que posteriormente poden seguir formándose mediante a futura titulación do Mestrado en Enxeñaría Industrial.

Grao en Enxeñaría Mecánica

240 créditos

DESCRICIÓN

A enxeñaría mecánica constitúe a base principal do progreso tecnolóxico na industria. Por este motivo, os enxeñeiros mecánicos son uns dos profesionais máis demandados non só nas ramas da construción ou as máquinas, mais tamén na industria en xeral.

O estudo está verificado e publicado.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Unha profesión fascinante. Esta titulación vai capacitarte para traballares en sectores de vangarda como a automoción, a robótica, a fabricación e a construción de plantas industriais e de grandes estruturas.

Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica

240 créditos

DESCRICIÓN

O Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica proporciona coñecementos científicos e tecnolóxicos para deseñar, construír, reparar, manter e inspeccionar buques, artefactos oceánicos e instalacións mariñas ou industriais da súa competencia, así como todos os cálculos relacionados coa arquitectura naval, os sistemas de propulsión e o resto dos sistemas auxiliares e equipos dos buques.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Unha profesión fascinante. Esta titulación vai capacitarte para traballares en sectores ligados ao ámbito da enxeñaría naval e oceánica (proxecto, enxeñaría de fabricación, dirección de obra, inspección técnica, seguridade, salvamento e rescates, apoio loxístico, plans de mantemento, transformacións, reformas e grandes reparacións, xestión de industrias marítimas etc.), que se desenvolven, principalmente, sobre os seguintes sistemas tecnolóxicos:

  • Buques e embarcacións de todo tipo
  • Plataformas e artefactos flotantes e fixos (diques flotantes, dragas e artefactos auxiliares para a construción e o mantemento de portos e costas, artefactos para a exploración e o aproveitamiento de recursos mariños etc.)
  • Tecnoloxía para alta mar (offshore)
  • Acuicultura e sistemas de pesca
  • Industrias marítimas (estaleiros, navieiras etc.)

Programa de simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e o Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica

333 créditos

DESCRICIÓN

O programa de simultaneidade abre a posibilidade de obter mediante un itinerario especificamente deseñado con 5 cursos de duración dous títulos de grao con competencias profesionais de enxeñeiro técnico:

Grao en Enxeñaría Mecánica
Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica

Este programa ten unha normativa específica que contempla, entre outros aspectos:

O itinerario coas materias a cursar de cada titulación.

O número mínimo de créditos en cada matrícula.

Os recoñecementos que se aplicarán e o momento en que se farán efectivos.

O procedemento para abandonar o programa e optar por rematar algunha das dúas titulacións.
O estudo está verificado e pendente de publicación.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

É a única posibilidade en toda España de obter os dous graos seguindo un programa estruturado en 5 cursos académicos. A dobre titulación aumenta as saídas laborais que xa teñen cada un dos graos debido ao coñecemento de dúas ramas da enxeñaría cunha gran relación que se incrementará co desenvolvemento de aplicacións offshore.

Escola
Universitaria Politécnica

Grao en Enxeñaría Eléctrica

240 créditos

DESCRICIÓN

O Grao en Enxeñaría Eléctrica habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro Técnico Industrial (Orde CIN/351/2009)

Ademais das saídas profesionais, desde a adaptación dos títulos ao Espazo Europeo de Educación Superior, este grao permite o acceso directo, entre outros, ao Mestrado de Enxeñaría Industrial (Orde CIN/311/2009), titulación académica que habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro Industrial.

O estudo está verificado e publicado.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

O Grao en Enxeñaría Eléctrica é unha titulación con aplicación práctica na maior parte dos sectores da industria e a sociedade.

Adquirirás coñecementos sobre:

  • Xeración de enerxía: deseño de parques eólicos, plantas solares térmicas, ciclos combinados a gas, centrais hidráulicas…
  • Transporte de enerxía, liñas eléctricas, subestacións, centros de transformación…
  • Instalacións: climatización, novas formas de iluminación, domótica…
  • Motores eléctricos, transformadores…

Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

240 créditos

DESCRICIÓN

O Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro Técnico Industrial (Orde CIN/351/2009)

Ademais das saídas profesionais, desde a adaptación dos títulos ao Espazo Europeo de Educación Superior, este grao permite o acceso directo, entre outros, ao Mestrado de Enxeñaría Industrial (Orde CIN/311/2009), titulación académica que habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro Industrial.

O estudo está verificado e publicado.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

O Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática é unha titulación con aplicación práctica na maior parte dos sectores da industria e a sociedade.

Adquirirás coñecementos sobre sistemas electrónicos industriais, automatización de procesos, visualización e control de plantas industriais, robótica, instrumentación e informática industrial, xestión electrónica da enerxía, domótica, deseño e proxectos industriais.
Ofrecémosche unha formación adaptada ao mundo laboral:

  • Xuntanzas Tecnolóxicas: un achegamento de empresas de enxeñaría, institucións e estudantes.
  • Prácticas en empresas: completa a túa formación académica coa experiencia laboral.

É unha das titulacións con maior taxa de emprego, unha profesión cun amplo espectro de saídas profesionais, versátil e multidisciplinar, que se sitúa entre as máis demandadas polas empresas.

Escola Universitaria de
Deseño Industrial

Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto

240 créditos

DESCRICIÓN

O deseño industrial, como disciplina, procura integrar dentro dos campos estratéxicos, produtivos e comerciais da empresa, todos aqueles atributos que o futuro usuario valorará nos produtos de forma emocional, funcional e sociocultural.

O estudo está verificado e publicado.

O estudo renovou a sua acreditación o mércores, 11 de marzo de 2015.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Un dos principais trazos distintivos que caracterizarán esta aposta formativa no campus de Ferrol é a forte interacción co ámbito industrial e empresarial que xa se conseguiu ao longo dos catorce anos de existencia da EUDI. Son numerosos os proxectos de deseño industrial e desenvolvemento de produto, as xornadas, os asesoramentos técnicos e estratéxicos e múltiples actividades que se realizan continuamente no marco de numerosos convenios de investigación e asesoramento, enmarcados na actividade docente, e nos que sempre participa o estudantado de forma activa. Este éxito é posible grazas á súa ampla implicación, ao apoio institucional da Universidade da Coruña e á dedicación, capacidade e especial motivación do profesorado. O nivel de formación alcanzado polo alumnado egresado e a calidade dos proxectos dirixidos na EUDI son o aval óptimo para os axentes institucionais, empresariais e industriais, de todos os sectores, cos que se colabora intensamente.

Facultade de
Ciencias do Traballo

Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos

240 créditos

DESCRICIÓN

O Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos pretende a creación de especialistas na defensa e asesoramento de traballadores e empresarios con base en tres piares:

Ofrecémosche un proxecto formativo ilusionante do punto de vista persoal eprofesional. O noso desexo é que aproveites ao máximo todos recursos que poñemos nas túas mans e que che permitirán chegar a ser un/ha profesional altamente cualificado/a.

O estudo está verificado e publicado.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Se consideras que as relacións laborais e os recursos humanos son unha actividade fundamental nos ámbitos individual e colectivo, que xogan un papel decisivo na calidade de vida das persoas e no funcionamento axeitado das empresas e organizacións, o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos ofréceche as ferramentas adecuadas para desenvolveres unha perspectiva multidisciplinar imprescindible para os líderes do mundo do traballo do mañá.

Facultade
Enfermaría e Podoloxía

Grao en Enfermaría

240 créditos

DESCRICIÓN

O título de Grao en Enfermaría ten como obxectivo a formación de enfermeiras/os xeneralistas con preparación científica, humana e capacidade para:

  • Responder ás necesidades de coidados de saúde das persoas, familias, grupos e comunidades, dende unha percepción integral da persoa.
  • Establecer relacións interpersoais empáticas e eficaces con doentes, familias e equipo de traballo.
  • Actuar baseándose nos principios éticos, respectando os valores e dereitos individuais e mantendo a dignidade persoal.
  • Utilizar o pensamento crítico, a practica reflexiva e a metodoloxía científica.
  • Construír e contribuír ao desenvolvemento persoal, profesional e social.

A formación clínica comeza con prácticas simuladas para o desenvolvemento de habilidades, continuando coas prácticas clínicas en centros asistenciais que permiten integrar e incorporar coñecementos, habilidades, actitudes e valores profesionais e explorar as diferentes realidades asistenciais.

O estudo está verificado e publicado.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

O Grao en Enfermaría da Facultade de Enfermería e Podoloxía de Ferrol capacita o titulado para prestar coidados de saúde en distintos ámbitos de atención, tanto públicos como privados. O estudante vai recibir unha ensinanza de alta calidade con metodoloxía apropiada que lle permite adquirir unha perspectiva ampla, gran variedade de ideas, valores culturais diferentes, distintas formas de aprender e, sobre todo, a importancia dun estudo sistemático de problemas e tendencias da sociedade, da saúde e da enfermaría.

Os titulados en Enfermería teñen unha taxas de inserción laboral, segundo o Observatorio Ocupacional da UDC, do 96% no período 1999- 2009.

Grao en Podoloxía

240 créditos

DESCRICIÓN

Os graduados en Podoloxía pola Universidade da Coruña serán profesionais cos coñecementos, destrezas e aptitudes necesarios para levaren a cabo actividades dirixidas á prevención, o diagnóstico e o tratamento das afeccións e deformidades dos pés, mediante procedementos terapéuticos podolóxicos.

Para iso, estes profesionais terán coñecementos e comprensión das ciencias fundamentais para a saúde, o método científico e unha aprendizaxe elemental relativa á práctica baseada na evidencia e na análise de datos en xeral. Así mesmo, estarán dotados de ferramentas suficientes para continuar progresando a través da autoaprendizaxe e a formación continuada.

O estudo está verificado e publicado.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Segundo o estudo da ANECA sobre a inserción laboral dos titulados en Podoloxía, o ano 2009 o 96,30% dos diplomados no curso 2006/2007 (27/35) estaba a traballar, o 61% por conta allea, o 12% por conta propia e o resto combinando as dúas modalidades.

O mesmo estudo apunta que durante o quinquenio 1999-2003 o 86% destes titulados estaba a traballar nun posto relacionado cos seus estudos de Podoloxía.

Facultade de
Humanidades e Documentación

Grao en humanidades

240 créditos

DESCRICIÓN

O Grao en Humanidades combina dous niveis de coñecemento: un xeral, centrado nas ciencias humanas, cun enfoque interdisciplinar e atención á perspectiva contemporánea; e outro instrumental e aplicado cuxo obxecto é capacitar o alumnado de forma básica para a actividade profesional. Así, os graduados en Humanidades atinxen unha formación versátil que lles permitirá adaptarse a unha sociedade en constante cambio, en que adquirirán coñecementos básicos sobre as grandes correntes artísticas e do pensamento, así como sobre a estrutura diacrónica do pasado e o comportamento das persoas en sociedade.

O estudo está verificado e pendente de publicación.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

Os estudos en humanidades eríxense como aqueles que ofrecen habilidades para un amplo uso profesional. Así, alén das competencias xerais vistas no apartado de introdución, a titulación tamén merece interese polas súas competencias específicas, entre as cales cabe citarmos o coñecemento das producións culturais da humanidade; o coñecemento do pasado desde un punto de vista diacrónico; o coñecemento do espazo e o territorio, dos diferentes bens e recursos patrimoniais e dos seus réximes xurídicos; o coñecemento de linguas e culturas clásicas; o coñecemento de linguas modernas e da modernidade en todos os ámbitos culturais e sociais; a avaliación de impactos ambientais e patrimoniais etc.

Grao en información e documentación

240 créditos

DESCRICIÓN

A información e a documentación son os núcleos centrais que comparten os profesionais que traballan en bibliotecas, centros de documentación e arquivos, así como os xestores de contidos de todo tipo de organizacións.

O Grao en Información e Documentación está orientado a ofrecer una formación polivalente para a xestión de información, que inclúe a selección, análise e recuperación da información nos máis diversos contextos.

O estudo está verificado e pendente de publicación.

POR QUE ESTUDAR A TITULACIÓN?

O Grao en Información e Documentación ofrece a formación necesaria para desenvolver con éxito as tarefas que se esperan dos profesionais nos ámbitos relacionados coa clasificación de libros e documentos, as normas de catalogación e clasificación, a organización de bibliotecas e o uso de diversas fontes de información bibliográfica.

Todas as persoas interesadas en recibiren unha formación de calidade nestas tarefas encontrarán respostas ás súas preguntas e inquedanzas no Grao en Información e Documentación.