Escola
Politécnica Superior

A Escola Politécnica Superior creouse no curso 1991/1992 para impartir as titulacións de ciclo longo (5 cursos) de Enxeñaría Naval e Oceánica e, no ano seguinte, de Enxeñaría Industrial. A escola ocupa o pavillón de Medicina e un edificio de nova construción (2001) do Antigo Hospital de Mariña, recinto militar que deu lugar ao campus de Esteiro, moi preto do centro da cidade de Ferrol.

Campus de Esteiro 15403 Ferrol España

Escola Universitaria de
Deseño Industrial

O deseño industrial, como disciplina, procura integrar dentro dos campos estratéxicos, produtivos e comerciais da empresa, todos aqueles atributos que o futuro usuario valorará nos produtos de forma emocional, funcional e sociocultural.

O deseño industrial é, das disciplinas integradas no desenvolvemento de produto, a máis próxima ao ser humano como usuario. O deseño ten as súas orixes históricas na necesidade de adaptar os produtos fabricados industrialmente ás tendencias e ás necesidades humanas de emotividade, notoriedade e diferenciación. Onde non hai diferenzas non hai valoración.

Campus de Esteiro 15403 Ferrol España

Escola Universitaria
Politécnica

Os estudos de Enxeñería Técnica Naval creáronse por orde ministerial en 1963 e son, por tanto, o xerme dos estudos universitarios de Ferrol.

O edificio da Escola Universitaria Politécnica xorde en 1972 para acoller os estudos de Enxeñería Técnica Naval (curso 1972/1973). Durante os anos oitenta tivo lugar a transformación da Escola de Enxeñeiros Técnicos Navais na EUP, coa incorporación dos estudos de Enxeñería Técnica Industrial, obtendo informe favorable do Consello de Universidades en 1988.

Campus de Serantes, Avda. 19 de febrero s/n 15405 Ferrol España

Facultade de
Ciencias do Traballo

A Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol nace como tal en setembro de 2010 a partir da anterior Escola Universitaria de Relacións Laborais, cuxa orixe se sitúa no Centro de Estudos Sociais, dependente da Escola Social de Santiago, creado no ano 1971.

Campus Esteiro, R/ San Ramón s/n 15403 Ferrol España

Facultade de
Enfermaría e Podoloxía

O edificio no que se atopa a Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía é un dos pavillóns “históricos” do antigo Hospital da Mariña situado no barrio de Esteiro. Trátase do antigo pavillón de Oficiais, obra do arquitecto Rodolfo Ucha, que foi construído nos anos 40 sobre un dos baluartes da muralla do hospital. Este edificio destaca entre o resto das construcións do Hospital pola súa modernidade para a época de construción.

O edificio foi proxectado para a súa remodelación polo arquitecto Felipe Peña Pereda e inaugurouse como Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía en outubro do ano 2000.

Campus de Esteiro 15403 Ferrol España

Facultade de
Humanidades e Documentación

A Facultade de Humanidades creouse na Universidade da Coruña en 1993 no Hospital Novoa Santos, situado na estrada de Catabois. Alí, ao longo de tres anos, utilizáronse unhas aulas nas que estivera anteriormente a Escola de Enfermaría.

Trala remodelación do antigo Hospital Naval en Esteiro, a Facultade trasladouse en 1996 ao edificio Galerías, converténdose na única facultade do Campus. O profesorado situouse na súa maioría no edificio de gabinetes, a carón do anterior. Ademais, contouse cunha biblioteca, situada na rehabilitada Casa do Patín.

Campus de Esteiro. Rúa/Doutor Vázquez Cabrera 15403 Ferrol España